Bases legais
BASES DA PROMOCIÓN

A votación online para escoller as fotografías finalistas do certame Imaxes con Fondo III está organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, rede na que 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo concentran os seus esforzos neste eido. No actual contexto internacional, marcado polas migracións e o desprazamento de persoas refuxiadas, o obxectivo do concurso é promover a reflexión sobre a interculturalidade, entendida nun sentido amplo.

As e os participantes na preselección online teñen de prazo ata o 2 de decembro ás 23.30h horas, para votar un máximo de 5 fotografías que, ao seu xuízo, mellor:


  • Poñan en valor os aspectos positivos da mestura entre nacionalidades, etnias, culturas, etc.

  • Denuncien a discriminación de grupos pertencentes a culturas diferentes á dominante.

  • Promovan o respecto á diversidade e mais o diálogo e a convivencia entre culturas.

  • Revelen as auténticas causas de conflitos que adoitan presentarse como choques culturais.

  • Desmonten estereotipos sobre as persoas doutras nacionalidades, etnias, culturas, etc.

  • Contrarresten os discursos dos medios de comunicación hexemónicos ao respecto.

  • Amosen a acollida ou outras actividades solidarias coas persoas migrantes ou refuxiadas.

  • Amosen mobilizacións e accións reivindicativas a prol das persoas migrantes ou refuxiadas.


CLÁUSULAS:

  1. Manterase o anonimato das autoras e autores das fotografías para garantir unha maior transparencia e neutralidade.

  2. As autoras e autores poderán compartir e solicitar votos para as súas fotografías entre os seus seguidores e seguidoras sen indicar explicitamente a súa autoría.

  3. Poderase compartir o enlace para as votacións por parte doutras persoas, sen indicar a autoría de ningunha das obras.

  4. Só se permiten 5 votos desde un mesmo navegador/ordenador, para evitar a fraude.

  5. As 15 fotografías con máis votos pasarán á segunda fase, na que un xurado experto no eido da fotografía e do ámbito social seleccionará as obras gañadoras durante o mes de decembro.